ENTREVISTAS

Entrevista Cristian Muiño La Voz de Galicia

Entrevista realizada o noso atleta Cristian Muiño pola edición de Carballo do xornal de La Voz de Galicia.

Son as dez e media da mañá, xa hai un par de horas que me erguín, almorcei e preparei as cousas para ir á tarde á facultade. É hora de ir adestrar, hoxe teño unha hora e media suave, sen pasar de cento corenta pulsacións, porque como di o meu adestrador Iván, «animal, para facerte máis atleta hai que traballar a menos intensidade»... Saio da casa dirección Corcoesto, baixo polo campo de fútbol de Portecelo, campo que leva o nome do Rego que cruzo un pouco máis abaixo, e campo no que cheguei a xogar dúas ou tres tempadas co C.F. Cereo, aínda que tamén xogara no Coristanco e mesmo tiven un breve paso polo desaparecido Alcaián. Pero o fútbol non era o meu, e aos 21 anos, cegado polo mundo das carreiras populares, decidín colgar as botas e deixar de facerlle dano a este deporte. Volvendo ao meu adestramento, cando levo un quilómetro piso o monte. Quédame unha larga subida, aínda que non demasiado pronunciada, ata chegar a Gulúa.

 

Hai un pouco terreo chan e empezo unha baixada que me leva ao Rego de Batán, onde hai un señor cortando unha pouca herba ca gadaña. Saúdo, saúdoo, seguramente pensando: «Se foses traballar en vez de tanto correr». Teño un repeitiño pequeno ao pasar o prado do señor, para un pouco máis tarde ter unha forte baixada que me leva ao Rego de Lourido. Continúo uns quilómetros polo monte hasta por fin volver á «civilización». Volvo pisar o asfalto e xa vexo as primeiras casas de Corcoesto. Xiro á dereita, dirección Pazos, ata cruzar a Ponte de Langueirón: empeza o bo, correr a carón do Anllóns.

Cando levo sobre un quilómetro por este sendeiro, empezo a escoitar as turbinas da central hidroeléctrica de Corcoesto. Un pouco máis a diante subo unha costa empedrada na que case me teño que botar a andar -sen dúbida a peor de todo o percorrido-, para volver a baixar e chegar ao encoro de Santa Mariña , fermoso sitio.

 

A casa dos avós

O camiño que vai directamente á vella canteira está totalmente encharcado, así que non podo atallar. Tócame volver a subir dirección Langueirón, xirar á dereita para cruzar a antiga canteira e chegar a Pontedona. Primeiro cruzo a ponte nova e despois a do ano 1892 (se non me equivoco), para volver a ir pola volta do río dirección Verdes. Vexo o primeiro muíño, o de Antelo, isto quere dicir que estou chegando ao famoso Refuxio de Verdes. Como é día laborable e non está cheo de perigosos «domingueiros» asando churrasco, cruzo algunha que outra ponte e admiro uns intres deste paraíso. Collo o carreiro que vai ó Couce do Monte e en apenas 5 minutos chego ao Barreiro, onde está a casa de meus avós. Parece que hule a caldo de rabizas de miña avoa, e aproveito para saudar a meu avó Manuel, miña avoa Nieves e a miña bisavoa Hermosinda. Tamén avisalos de que en vinte minutos vou xantar. De camiño á casa dáme tempo a saudar a Plácido do Sinforoso , Pepe de Sara Fina, Rosalía do Roso, Aurelio de Calixto e Evaristo de Eufemia, que sempre me di cando paso: «Non hai mellor motor que os que van a caldo» .

Chego á casa e toca o que para min é unha das mellores cousas de correr. ¿Subir os tempos do adestramento ó Facebook ? Pois non, para min o mellor é a ducha de despois de adestrar, e canto máis duro foi o adestramento e máis frío e choiva fixo, máis desfruto deste momento.

 

DNI

Cristian Muíño Varela. Nacido en Coristanco no ano 1991. É o gañador das dúas edicións do Circuito Correndo pola Costa da Morte promovido polos concellos da bisbarra. É non só iso. Foi un dos 19 atletas que conseguiu completar todas as citas (nove) que integraron o segunda edición do circuíto, ademais de obter outros premios noutras citas atléticas. Cristián acaba de rematar o último curso de grado de Administración e Dirección de Empresas na universidade.

Deputación da Coruña

Deputación da Coruña

https://www.dicoruna.es/deportes

Clínica Sandá Fisioterapia

Clínica Sandá Fisioterapia

Rúa do Hórreo, 32, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña Teléfono:981 94 18 39

Tecalis

Tecalis

Software y Diseño Web www.tecalis.com

Forestal Gonzar

Forestal Gonzar

Restaurante Central

Restaurante Central

Rúa Da Raiña, 15 15704 Santiago de Compostela Teléfono 981 58 36 64

Café Carpanta

Café Carpanta

Plaza Pascual Veiga 4, 15706 Santiago de Compostela

Uso de cookies
Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar nuestros servicios y mostrarle publicidad relacionada con sus preferencias mediante el análisis de sus hábitos de navegación. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de cookies

continuar